sábado, xaneiro 31, 2015

Paz no noso centro (I)

Moitas foron as actividades desenvolvidas arredor do Día da Paz. Dende o Departamento de Orientación impulsouse a realización do símbolo da Paz que podedes ver no patio do instituto. Colaboraron os Departamentos de Tecnoloxía, Plástica, Lengua e Relixión.




E ademais, a profe de Relixión, Pilar, e a de Lengua, Sara, elaboraron este panel co seu alumnado:


O Día da Paz, na prensa

Tamén na prensa local fixéronse eco das nosas actividades do Día da Paz





venres, xaneiro 30, 2015

Con Ledicia Costas

Onte foi un día ben especial para o alumnado de 3º de ESO: coñeceu a Ledicia Costas, nunha hora que se lle fixo moi, moi curta. Ledicia é ben coñecida polo alumnado porque leu moitos dos seus libros: moi poucos se conformaron con ler tan só O corazón de Xúpiter e moitos foron os que decidiron ler a obra completa da autora.
Moitas grazas, Ledicia, por vires e por estar connosco.





A súa visita, na prensa local:


mércores, xaneiro 28, 2015

Conflictos. No pierdas la perspectiva

Cando entramos nun conflito, rematamos converténdoo en algo persoal, o que nos fai perder a perspectiva dos obxectivos que perseguiamos. Por iso, hai que loitar por manter sempre a obxectividade.



Vía

martes, xaneiro 27, 2015

La historia de Hawa: vida y esperanzas de una refugiada de 13 años

Preparando andamos o Día da Paz este venres. E seguimos abrindo boca, hoxe con esta curta.

Dende o campamento de  Dadaab en Kenia, o corresponsal de UNICEF Thomas Nybo recolle o testemuño dunha refuxiada somalí de 13 anos que topou a forza na escola e defende a educación.




Vía

domingo, xaneiro 25, 2015

A importancia da matemática actual






Meses despois, pero ás veces imos lentos....

No IES Laxeiro tamén fomos partícipes na homenaxe ao fillo ilustre de Lalín Xosé Rodriguez, a quen se lle dedicou o mes da ciencia en galego.
O pasado 17 de novembro recibimos no noso centro ao Catedrático do Departamento de Matemática Aplicada da USC e Director do observatorio astronómico Ramón Ayer, José Ángel Docobo.
Docobo achegou ao alumnado de bacherelato a vida e obra do matemático de Bermés. Captou a súa atención falando da importancia da matemática actual e relacionou moitos dos contidos vistos nas aulas coa xeodesia, campo no que destacou notablemente o Matemático Rodríguez.
No acto contamos coa presenza do Presidente da Real Academia de Ciencias Miguel Ángel Rodríguez que presentou ao profesor Docobo.



sábado, xaneiro 24, 2015

Día da PAZ (I)

Dende o IES San Paio de Tui chegan estes versos pola PAZ:
E ademais, unha selección de filmes e unha liña do tempo que podedes ver aquí.

venres, xaneiro 23, 2015

Hora de ler no ximnasio

A casualidade e outros deberes fíxome ir ata o ximnasio o outro día xusto cando estaban na Hora de Ler. Pareceume tan emocionante velos alí cos seus libros que lle pedín ao seu profesor, Xosé Manuel, unhas fotiños para amosárvolas aquí. 
Vale, xa sabemos, algúns non len... pero outros e outras len e moito. 
Así que, moitos parabéns! Dá gusto vervos!






xoves, xaneiro 22, 2015

Con Rosa Huertas

Onte contamos no centro coa visita da escritora Rosa Huertas. Unha delicia escoitala falar de dous dos seus libros en presentacións ben coordinadas e de gran interese. Tanto, que xa sabemos dalgunha profesora que vai lela grazas ao interese que espertou nela!
No Faro de Vigo fixéronlle unha entrevista:

E Na Voz de Galicia recollen a súa visita:


XORNADA DO COMERCIO XUSTO




Dende o ano 2.000 no IES Laxeiro trabállase en proxectos que perseguen fomentar hábitos de consumo responsable. Ó longo de cada curso realízanse actividades relacionadas co comercio xusto,  compra responsable, hábitos saudabeis, etiquetado, publicidade, etc.
Neste curso ofertáronse obradoiros sobre banca ética, cooperativismo e soberanía alimentaria, dirixidos ao alumnado dos ciclos de Administración de empresas e obradoiros de comercio xusto e consumo responsable dirixidos ao alumnado de 1º de ESO.
O 18 de decembro de 2014 os departamentos de Administración de empresas, Plastica,  EDLG e GALICONS.NET organizaron unha exposición-venda de productos procedentes do comercio xusto.
Na posta en marcha da exposición-venda e na colocación de paneis informativos do concepto “soberanía alimentaria” participou o alumnado do Ciclo Superior de Administración e Finanzas. Na mesma xornada o alumnado de 4º de ESO puxo á venda doces caseiros para recadar cartos para a viaxe de fin de curso.



O comercio xusto é un sistema comercial solidario que persigue o desenvolvemento dos pobos e loita contra a pobreza e presenta unha alternativa ao comercio convencional. As súas bases son:
- As condicións laborais e os salarios apropiados: para que os produtores do sur poidan vivir con dignidade.
- Que non haxa explotación infantil: Asegúrase de que os produtos non foran elaborados por nenos e nenas.
- A igualdade entre homes e mulleres: Que ambos reciban un trato e unha retribución económica equitativa.
- O respecto ao medio: Que os produtos se fabriquen por medio de prácticas respectuosas co entorno no que se producen.
Por iso, o comercio xusto é considerado coma unha ferramenta de cooperación.
Ademais, o comercio xusto constitúe un movemento internacional formado por organizacións do sur e do norte. O seu obxectivo é mellorar o acceso ao mercado dos produtores máis desfavorecidos e mudar as inxustas regras do comercio internacional que consolidan a pobreza e a desigualdade mundial.
A soberanía alimentaria é un concepto que foi introducido con maior relevancia en 1996 pola Vía Campesina en Roma, con motivo do Cumio Mundial da Alimentación da Organización para a Alimentación e a Agricultura (FAO).
Enténdese como a facultade de cada Estado para definir as súas propias políticas agrarias e alimentarias de acordo con obxectivos de desenvolvemento sostible e seguridade alimentaria. Isto implica a protección do mercado doméstico contra os produtos excedentarios que se venden máis baratos no mercado internacional, e contra a práctica do dumping (venta por debaixo dos custes de produción).



mércores, xaneiro 21, 2015

Obradoiro de tv Escolas sen Racismo

Realízase no noso centro grazas á iniciativa do Departamento de Orientación este Obradoiro de Televisión do proxecto Escolas sen Racismo
As ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz e Agareso promoven esta iniciativa de Educación e Comunicación para o Desenvolvemento, co apoio da Xunta de Galicia. 
Na primeira xornada, o alumnado foi pasando por diante e por detrás da cámara para presentarse:



martes, xaneiro 20, 2015

O alumnado recomenda

Unha primeira aproximación a un novo proxecto relacionado cos "booktuber" é este vídeo onde tres alumnos de 3º da ESO deciden recomendar as súas mellores lecturas do primeiro trimestre deste curso.
As recomendacións: "Recinto gris", "Unha rosa é unha rosa" e "Marta ante o espello".

luns, xaneiro 19, 2015

RECOLLIDA DE TAPÓNS: RECICLAXE, INVESTIGACIÓN E AXUDA SOCIAL




A comunidade educativa do IES Laxeiro colabora con ASPADEZA na recollida de tapóns de plástico para a reciclaxe.  Por cada tonelada recollida, unha planta de reciclaxe abona 200 euros que se destinan a unha beca de investigación dunha enfermidade pouco común da infancia que afecta ao cerebro e outras partes do corpo.

A ataxia refírese a movementos descoordinados, como camiñar, e as telangiectasias son agrandamentos dos vasos sanguíneos (capilares) xusto por debaixo da superficie da pel, aparecendo coma pequenas venas bermellas similares a unha araña.
A ataxia-telangiectasia é hereditaria, un rasgo autosómico recesivo, o que significa que ambos pais deben aportar un xen defectuoso para que o fillo teña síntomas do trastorno. Os defectos neste xen mutado poden levar á morte celular anormal en diversos lugares do corpo, incluíndo a parte do cerebro que axuda a coordinar o movemento.
Dado que é unha enfermidade rara (hai uns 30 casos en España, un deles na comarca do Deza), precísase de máis investigación sobre a mesma, para poder chegar a desenvolver medicacións ou axudas que faciliten a vida dos afectados.
Por iso, é importante a concienciación social, e máis no eido educativo: un simple xesto como gardar os tapóns de plásticos dos envases que usamos, se se practica entre todos, pode marcar a diferenza entre que a enfermidade sexa unha descoñecida, a poder chegar a unha futura cura.
Por iso, cada vez que se entregan os tapóns e se canxean por cartos, estes destínanse á AEFAT (Asociación Española de Familia Ataxia Telangiectasia) que pode financiar becas de investigación neste campo.
Animávosvos a tod@s a contribuir. Grazas.